O Realme GT3 terá carga rápida de 240 watts

martes, 28 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Realme escolleu o marco do Mobile World Congress de Barcelona para presentar oficialmente o seu novo Realme GT3, un smartphone que como principal elemento diferencial ten tecnoloxía de carga rápida de 240 watts, o que supón completar unha carga en só 9 minutos e 30 segundos, aínda que o fabricante prefire salientar detalles como que con só 30 segundos de carga podemos falar por teléfono 2 horas, escoitar música 3 horas ou ver vídeos 1 hora.
Para os que teman que este sistema de carga sexa perigoso para a lonxevidade da batería de 4.600 mAh, Realme asegura que mantén o 80% de capacidade tras 1.600 ciclos de carga, polo que serían precisos varios anos de uso intensivo para notar unha caída considerable na autonomía do smartphone.
Este impresionante smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8+ Gen 1, 8/12/16 GB de RAM LPDDR5X, 128/256/512 GB/1 TB de almacenamento interno UFS 3.1, pantalla AMOLED de 6,74 polgadas cun refresco de 144 Hz, cámara traseira tripla cun sensor principal de 50 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles, lector de impresións dixitais en pantalla, altofalantes estéreo e NFC, descoñecéndose o prezo que terá finalmente en España (aínda que si se anunciou que o prezo internacional partiría dos 649 dólares).

PUBLICIDADE