O Redmagic 8 Pro terá 6.000 mAh de batería

luns, 16 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

A marca de móbiles Nubia presentou hoxe o seu novo móbil orientado ao gaming, o Redmagic 8 Pro, que chegará ao mercado o vindeiro 2 de febreiro a un prezo de 649 euros con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento e 799 euros con 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento.
Estamos ante un dos primeiros smartphones con procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, que desta volta aposta por un deseño agresivo e un sistema de refrixeración que fai que sexa apto para xogar varias horas seguidas sen ter que reducir o seu rendemento, ao que tamén contribúe que albergue do seu interior dúas baterías de 3.00 mAh en paralelo capaz de cargarse a 65 watts.
O Redmagic 8 Pro tamén ten unha pantalla AMOLED de 6,8 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz e un brillo de 1.300 nits, protexida por unha capa de Gorilla Glass. Tamén presume de NFC, Bluetooth 5.3 e Wi-Fi 7, e como é habitual nos dispositivos para xogar, aparte duns potentes altofalantes tamén conta cun conector para auriculares.
Até este punto poderiamos pensar que estamos tan un impresionante móbil de alta gama, que pode ser ideal para os que buscan unha boa autonomía, pero o seu punto feble está moi claro: a súa cámara. Nubia non aposta por grandes sensores nin teleobxectivos impresionantes, e limítase a equipar o seu novo móbil cunha cámara traseira tripla cun sensor principal de 50 Mpíxeles e cunha cámara frontal de 16 Mpíxeles, conseguindo uns resultados que poden non estar á altura dun teléfono neste rango de prezo, pero que é consecuencia da aposta polo rendemento habitual nos móbiles gaming.

PUBLICIDADE