O Redmi 10 terá unha cámara principal de 50 Mpíxeles

venres, 13 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Xiaomi presentou o Redmi 10, que promete converterse en todo un supervendas pola súa magnífica relación entre prezo e prestacións. Este novo smartphone chega con características que non estamos afeitos a ver nun smartphone económico, como unha pantalla Full HD+ de 6,5 polgadas cunha velocidade de refresco adaptable de 45/60/90 Hz e unha cámara de 50 Mpíxeles (acompañada por unha cámara grande angular de 8 Mpíxeles, unha macro de 2 Mpíxeles e un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles), así como cámara frontal de 8 Mpíxeles.
O Redmi 10 chega cun procesador MediaTek Helio G88, 4/6 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento interno, altofalantes estéreo, toma para auriculares, lector lateral de impresións dixitais e batería de 5.000 mAh con carga rápida de 18 watts (inclúe un cargador de 22,5 watts).
Falta por coñecer o prezo e a data na que veremos este completo teléfono en Europa.

ACTUALIZACIÓN: A información que recollemos parte do blog oficial de Xiaomi, e foi eliminada pouco despois da súa publicación, que tería sido accidental, xa que a presentación oficial do Redmi 10 en China será o vindeiro día 18.

PUBLICIDADE