O SERGAS e Telefónica dan a coñecer as claves da medicina que vén

venres, 26 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Este venres, no transcurso da presentación en Compostela dun informe de Telefónica sobre a comunicación médica que vai vir, a Consellería de Sanidade e a operadora deron a coñecer os froitos dos seus acordos de colaboración para fortalecer a infraestrutura tecnolóxica do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Esta iniciativa conxunta, máis polo miúdo, abrangue medidas como o equipamento un servizo de comunicacións de nova xeración que integra tecnoloxía IP, transmisión de datos, acceso á Internet e máis telefonía móbil.
Esta rede, que foi presentada perante ducias de profesionais do eido sanitario, administrativo e comunicativo no Hotel Porta do Camiño de Compostela, vén baseada sobre tecnoloxía NGN e a súa finalidade é conectar entre si e co ámbito dixital a 23 hospitais e 575 dependencias. Por certo que estes espazos, se sitúen onde se sitúen, teñen ao seu alcance as capacidades de lonxitude de banda precisas para transmitir todo tipo de datos, mesmo os referentes a unha radiografía ou un historial clínico, “amais de outros previstos para o futuro”, sinalou Telefónica.
No transcurso do devandito encontro, a conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio, deu a coñecer algúns detalles máis específicos sobre os avances do departamento que dirixe en materia de dixitalización, materializados en boa medida no plan Rede de Saúde.
Unha iniciativa, dixo, que interconecta a 34.000 profesionais ligados a 488 centros de saúde e consultorios e a 14 hospitais.
Por certo que esta Rede tamén se está a espallar cara ás farmacias, sendo 1.275 as que se sumaron o mes pasado, amais dos centos sanitarios concertados. A xuízo de María Xosé Rubio, tanto a Rede de Saúde como o sistema sanitario e a sociedade galega teñen un “inmellorable” punto de partida cara ao seu desenvolvemento dixital: a existencia da Historia Clínica Electrónica única (IANUS). Este elemento en concreto, do que temos falado nesta web, constitúe (como o seu nome indica) unha nova versión da nosa vida médica: máis accesible para o persoal de calquera centro (esteamos no que esteamos), máis doada de almacenar, conservar e recuperar, e moito máis idónea para estar en contacto directo cos vindeiros avances dixitais na medicina.
Neste intre, engadiu a conselleira, xa hai máis de 2,6 millóns de galegos e galegas cunha Historia Clínica Dixital aberta e unha media anual de máis de 38 millóns de accesos a estes documentos electrónicos. Asemade, estes historias están xa ao alcance da man de 14.000 profesionais sanitarios.

Algunhas conclusións do informe

O foro celebrado no Hotel Porta do Camiño de Compostela no que se deron a coñecer estes datos sobre o SERGAS e o labor de Telefónica no sistema galego, tamén serviu para acoller a presentación en Galiza do informe As TIC na sanidade do futuro, feito pola consultora Mensor e publicado pola operadora española. Nel, tal e como se puxo de manifesto, danse a coñecer algunhas das vantaxes do dixital no eido da atención médica e os camiños idóneos a seguir no seu proceso de modernización. Estas son algunhas das propostas da investigación:
· Proxecto de hospital dixital. Trátase dun centro que traballa sen papeis, sen placas e sen fíos, encamiñado a transformar a xestión tradicional. Para os autores do estudo, este sería un vieiro a percorrer especialmente rendible, xa que aforra recursos á vez que fai os dispoñibles máis eficaces, empregando de xeito masivo as novas tecnoloxías nun centro hospitalario onde todos as axentes (mesmo as persoas doentes) están conectados entre si. Con isto, sinálase, constitúese unha rede de información e servizos que é quen de multiplicar a capacidade asistencial.
· Dixitalización de imaxes. É un sistema que evita desprazamentos innecesarios, maior interrelación entre o paciente e calquera centro sanitario e un aforro de custos.
· Aplicación das TIC en procesos terapéuticos. Importantes vantaxes da robotización na cirurxía a distancia, operacións de máxima precisión ou endoscopias virtuais.
· O afianzamento das novas tecnoloxías nas emerxencias, sobre todo mediante o acceso a información actualizada e comunicación en liña entre diferentes axentes.
· Telemedicina nos domicilios. Este novo sistema de atención médica, que xa está a poñer dende hai en práctica en determinados hospitais galegos, é unha das claves do futuro da sanidade na nosa terra. Pódense facer seguimentos exhaustivos dos pacientes, exames de glucosa ou osíxeno no sangue.

PUBLICIDADE