O Samsung CHG90 é o primeiro monitor do mercado con HDR certificado por VESA

mércores, 20 de decembro do 2017 Marcus Fernández

A semana pasada facíase pública a norma que rexía o HDR en monitores de ordenador, e finalmente non teremos que agardar a que saian pantallas novas que a cumpran, senón que xa hai monitores presentes no mercado que veñen de superar tal certificación, concretamente o impresionante Samsung CHG90, monitor QLED curvo cunha relación 32:9 que busca mellorar a experiencia dos escritorios multi-monitor de xeito que ofrece o equivalente a dous monitores nun único panel (evitando así os molestos marcos de separación).
Os monitores Samsung CHG90 (xunto cos CHG70) serían os primeiros do mercado en poder lucir o selo DisplayHDR 600, grazas á súa calidade de imaxe, destacando esta pantalla pola súa precisión de core e a súa elevada relación de contraste (3.000:1) que busca satisfacer aos gamers e aos usuarios que gustan de gozar de contidos audiovisuais dun xeito óptimo.
O Samsung CHG90 pode atoparse no mercado nun tamaño de 49 polgadas, de xeito que sería equivalente a combinar dous monitores de 27 polgadas, converténdose no monitor para gaming máis grande do mundo. O monitor ten unha taxa de refresco de 144 Hz e unha curvatura de 1800R, de xeito que a unha distancia de 40-50 centímetros consegue unha experiencia de visión moi natural e que facilita a inmersión. En España pode adquirirse por uns 1.275 euros (aínda que o seu prezo oficial sexa de 1.499 euros), o que parece un prezo bastante axustado, pois aínda que é superior ao de 2 monitores de 27 polgadas para gaming (que estarían preto dos mil euros) está moi próximo aos de monitores ultrapanorámicos de dimensións inferiores.

PUBLICIDADE