O Samsung GALAXY Grand 2 chega cunha pantalla de 5,25 polgadas

martes, 26 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Os afeccionados aos móbiles de grande tamaño que non precisen do uso de lapis dixitalizador, nin sexan tan esixentes como para adquirir un GALAXY Note 3, teñen agora unha nova opción, o Samsung GALAXY Grand 2, un tabletófono con pantalla de 5,25 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, que pode resultar ideal para a reprodución de contidos multimedia, os xogos e a lectura, e que como outros dispositivos de Samsung tamén permite o uso de multitarefa distribuída en fiestras para aproveitar o grande tamaño da súa pantalla.
O GALAXY Grand 2 funciona cun procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, ten 1,5 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), cámaras de 8 e 1,9 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 2.600 mAh, un grosor de 8,9 milímetros e un peso de 163 gramos, incluirá Android 4.3 e porase á venda en breve en branco, negro e rosa.

PUBLICIDADE