O Samsung GALAXY S 4 preséntase pondo o acento no seu software

venres, 15 de marzo do 2013 Marcus Fernández

O Samsung GALAXY S 4 presentouse en sociedade cunha posta en escena moi teatral (estilo Broadway)

Esta noite Samsung presentou a cuarta xeración do seu smartphone GALAXY S, que desta volta definen como un compañeiro para unha vida máis rica, sinxela e completa, o que non é máis que un xeito de envolver ben un terminal móbil de alta gama, na liña dos mellores móbiles que nos pasados días viron a luz no Mobile World Congress de Barcelona, pero cunha chea de aplicacións desenvolvidas por Samsung que, como aconteceu co GALAXY S III, serven para marcar a diferenza.
O Samsung GALAXY S 4 apúntase a moda das pantallas AMOLED Full HD de 5 polgadas, así como á das cámaras traseiras de 13 Mpíxeles (acompañada por unha cámara frontal de 2 Mpíxeles), pero presumindo de pesar só 130 gramos e ter un grosor de só 7,9 milímetros sen comprometer a súa integridade. Como outras prestacións técnicas que podemos detallar estaría o seu procesador de catro núcleos a 1,9 GHz que nalgúns mercados será un procesador de oito núcleos a 1,6 GHz, 2 Gb de RAM, 16/32/64 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), Wi-Fi a/b/g/n/ac (esta última evolución do Wi-Fi aínda está pouco presente no mercado, polo que supón un paso adiante importante), conectividade 2G/3G/4G, GPS, NFC, MHL 2.0, Bluetooth 4.0, LED de infravermellos (para funcionara como mando a distancia), batería de 2.600 mAh (que poderá cargarse sen fíos) e sistema operativo Android 4.2.2.

O GALAXY S 4 poderá rexistrar nunha mesma fotografía ou vídeo imaxes captadas polas súas dúas cámaras á vez

Pero de todas estas prestacións hai poucas que non tiveramos visto nun Sony XPERIA Z, nun Huawei Ascend D2 ou nun ZTE Grand S, agás, como xa mencionamos, as relativas ao software, destacando o novo móbil de Samsung por poder utilizar simultaneamente a cámara frontal e traseira (para sacar fotografías ou incluso durante videoconferencias, empregar novos modos de disparo moi atractivos (confuncións como o time-lapse), poder rexistrar son ao tomar imaxes, xerar automaticamente álbums fotográficos baseándose na información almacenada nas imaxes (como a data ou a posición xeográfica) para poder incluso encargalos como un álbum físico, poder compartir contidos cos móbiles que estean ao redor sen precisar dun punto de acceso Wi-Fi ou de cobertura móbil, reproducir a mesma canción en varios teléfonos á vez para crear unha atmosfera de festa e incluso integrar un tradutor de texto e voz que pode aproveitarse para comunicarnos con quen topemos na rúa ou para mensaxes de correo electrónico, de texto e mesmo conversas a través de ChatON.

O Samsung GALAXY S 4 ten un grosor de só 7,9 milímetros

O novo smartphone tamén detecta a cara do usuario, a súa voz e os seus movementos para permitir controlar a pantalla sen ter que activala mediante contacto. Con Smart Pause podemos facer que o móbil pare un vídeo se deixamos de mirar para el; Smart Scroll fai que unha páxina web ou correo electrónico desprácese cando esteamos mirando a pantalla e movendo lixeiramente o pulso; Air Gesture permite mudar a canción que estamos escoitando, desprazarse por unha páxina web ou responder a unha chamada abaneando a man; S Voice Drive permite controlar o móbil coa voz cando imos ao volante do coche; Optical Reader recoñece texto, tarxetas de visita e códigos QR achegando funcións como a tradución, unha chamada telefónica, unha mensaxe de texto ou unha busca sen esforzo; e WatchON converte o GALAXY S 4 nun mando a distancia para os dispositivos controlables por infravermellos que teñamos no fogar (dende o televisor até o aire acondicionado).
Está prevista a chegada do Samsung GALAXY S 4 ao mercado europeo durante o segundo trimestre do ano, que no caso británico será o 26 de abril (polo que é de agardar que o lanzamento español estea preto de tal data).


Vídeo de presentación do novo Samsung GALAXY S 4

PUBLICIDADE