O Samsung Galaxy M11 chega a España cunha batería moi xenerosa

martes, 10 de novembro do 2020 Marcus Fernández

A familia Galaxy M busca chegar a consumidores mozos con prezos axustados, pantallas amplas e, moi especialmente, baterías moi xenerosas, e aínda que estes móbiles de Samsung tendan á gama media, veñen de traer ao mercado español o Samsung Galaxy M11, un móbil que case poderiamos considerar de gama baixa, o que non lle impide presumir dunha pantalla Infinity-O HD+ de 6,4 polgadas, cámara traseira tripla (cun sensor principal de 13 Mpíxeles, un grande angular de 5 Mpíxeles e unha cámara de profundidade de 2 Mpíxeles), cámara frontal de 8 Mpíxeles e, como detalle máis de agradecer, unha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 15 watts que sería máis que dabondo para aguantar un día completo de uso (e até 2 días para moitos usuarios).
Pero cómpre advertir de que este móbil limita a súa RAM a só 3 GB e o seu almacenamento interno a 32 GB (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 512 GB), contando tamén con lector de impresións dixitais traseiros, ou sexa, que sería un teléfono de entrada, que sae á venda oficialmente a 179 euros, aínda que xa hai tendas españolas que o comercializan por menos de 160 euros, sendo posible atopalo de importación por uns 126 euros, de xeito que convértese nun dos terminais máis atractivos para os que buscan un smartphone económico que teña moi boa autonomía e non confíen en segundas marcas.

PUBLICIDADE