O Samsung Galaxy M30 terá cámara traseira tripla e batería de 5.000 mAh

mércores, 27 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A familia de smartphones Galaxy M está a ser toda unha grata sorpresa, aínda que polo momento non se sabe se chegará a venderse fóra da India, e xa está a recibir o seu terceiro terminal, o Samsung Galaxy M30, que presume dunha pantalla Infinity U (ou sexa, cunha pestana superior con forma de pinga para albergar unha cámara frontal de 16 Mpíxeles) Super AMOLED de 6,4 polgadas, cámara traseira tripla (subindo ao carro os obxectivos de ultra grande angular) e unha impresionante batería de 5.000 mAh cun cargador de 15 watts (ou sexa, que cargaría na terceira parte do tempo que un cargador convencional).
Este novo smartphone chegará en configuracións de 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e de 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento (ampliable en ambos casos mediante tarxetas microSD de até 512 GB), funcionará cun procesador Exynos 7905, contará cun lector traseiro de pegadas dixitais e espérase que saia á venda a 14.999 ou 17.999 rupias (185 e 222 euros) en función das capacidades de cada versión, o que semellan prezos moi competitivos para móbiles cun deseño moi coidado e unha autonomía moi fóra do común.

PUBLICIDADE