O Samsung Galaxy Note10 podería presentarse o 7 de agosto

mércores, 19 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Tras darse por feito que os smartphones encartables non chegarán ao mercado até, como moi cedo, o mes de setembro (mes non que tamén sairán os novos iPhone) as miradas diríxense cara a Samsung, xa que o Galaxy Note10 sería o vindeiro móbil insignia en chegar ao mercado e, segundo informacións de fontes próximas ao fabricante coreano, a presentación deste esperado dispositivo tería lugar o vindeiro 7 de agosto no Barclays Center en Brooklyn.
A expectación por este novo smartphone é bastante grande, xa que suporía cambios de deseño no dispositivo, na liña do Galaxy S10, así como unha novidade na familia Note: rumoréase que o novo modelo chegará en dous tamaños diferentes.
O Samsung Galaxy Note10 tería unha pantalla de 6,3 polgadas e cámara traseira tripla, mentres que o Samsung Galaxy Note10 Pro montaría unha pantalla de 6,75 polgadas e a súa cámara traseira estaría acompañada tamén por un sensor de profundidade.
Outros detalles importantes deste smartphone con S Pen é que a súa pantalla reduciría moitos os seus marcos superior e inferior grazas á aposta por unha cámara frontal perforada (curiosamente no centro superior da pantalla en vez de no lateral superior dereito) e, aparte de completas configuracións de procesador, memoria RAM e almacenamento, tamén sorprendería cunha batería de 4.500 mAh con carga rápida de 45 watts, de xeito que a súa autonomía podería ser incluso mellor que a do Galaxy S10+ (que é das mellores conseguidas por un smartphone de alta gama de Samsung).
Un detalle que posiblemente non gustará tanto aos usuarios é que o Note10 sería o smartphone de Samsung que finalmente diría adeus ao porto de auriculares de 3,5 milímetros.

PUBLICIDADE