O Samsung Galaxy S21 FE 5G sairá á venda a semana que vén

martes, 4 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

En setembro de 2020 Samsung sorprendía lanzando unha Fan Edition dentro da familia Galaxy S20, converténdose este smartphone en todo un supervendas ao combinar prestacións e deseño dos móbiles insignia da compañía surcoreana cun prezo máis asumible (superando os 10 millóns de unidades vendidas nun ano), e aínda que a escaseza de semicondutores ameazaba con deixarnos sen o seu relevo dentro da familia Galaxy S21, o feito de que esteamos ás portas do lanzamento dos S22 non impediu que presentasen o Samsung Galaxy S21 FE 5G.
O novo smartphone de Samsung volve ofrecer un deseño premium e característico, cun marco que se integra coa carcasa do módulo de cámaras conseguindo unha aparencia elegante e unificada. Ten un corpo de 7,9 milímetros de grosor e traseira en catro cores (verde oliva, lavanda, branco ou gris escuro) con acabado mate.
Presenta unha pantalla de 6,4 polgadas cun panel Dynamic AMOLED 2X cunha taxe de refresco de 120 Hz e unha resposta táctil de 240 Hz. Tamén inclúe protección Gorilla Glass Victus, o que reduce a posibilidade de que rache a pantalla accidentalmente.
A nivel de cámaras, a súa cámara traseira tripla ten sensores grande angular e ultra grande angular de 12 Mpíxeles e teleobxectivo (até 30x) de 8 Mpíxeles, mentres que a cámara frontal ten un sensor de 32 Mpíxeles. Conta con opcións de gravación de vídeo moi completas (como a posibilidade de gravar coa cámara traseira e a delanteira simultaneamente).
A súa batería de 4.500 mAh pode cargarse até a 25 watts, permitindo que con só 30 minutos de carga poida completarse a capacidade da batería até o 50%. A súa carga sen fíos destaca pola súa velocidade (até 15 watts) e tamén pode empregarse para recargar outros dispositivos (como auriculares ou incluso outros teléfonos).
O móbil non esquece resistencia IP68 e compatibilidade con Samsung Pay, e sairá á venda o vindeiro día 11 a un prezo de 759 euros con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e a 829 euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento. Os usuarios afiliados a Samsung PLUS poden adquirir o smartphone por a partir de 645,15 euros, recibindo adicionalmente uns auriculares Samsung Galaxy Buds2 (valorados en 149,89 euros).

Vídeo de presentación do Samsung Galaxy S21 5G

PUBLICIDADE