O Samsung Galaxy é o primeiro móbil con Android e pantalla AMOLED

martes, 1 de setembro do 2009 Marcus Fernández

O sistema operativo para dispositivos móbiles promovido por Google, Android, parece exclusiva de terminais fabricados por HTC, pero no que queda de ano poderemos ver no mercado outros móbiles que engadan diversidade a esta oferta de móbiles, coma o Samsung Galaxy (tamén coñecido coma Samsung i7500), que conta con pantalla táctil AMOLED de 3,2 polgadas, conectividade HSDPA de ata 7,2 Mbps, Wi-Fi e Bluetooth 2.1, A-GPS, cámara de 5 Mpíxeles (con flash LED, enfoque automático e gravación de vídeo), 8 Gb de memoria interna ampliable con tarxetas microSDHC de ata 32 Gb.
O Samsung Galaxy ten unhas prestacións moi semellantes ás dos terminais de HTC, pero é máis delgado (só 11,9 milímetros de grosor) e lixeiro (119 gramos de peso). Tamén conta cun conector de 3,5 milímetros para auriculares estéreo e cárgase mediante micro USB, polo que estariamos a falar dun dispositivo que busca adaptarse aos estándares máis aceptados, incluso na reprodución multimedia, pois acepta ficheiros MPEG4, H.263, H.264, WMV, MP3, AAC, AAC, eAAC+, WMA e RealAudio.
No tocante á súa autonomía, tamén parece superar á competencia, pois inclúe unha batería de 1.500 mAh e a súa pantalla AMOLED, aparte de dar máis brillo e un color máis vivo que o resto de pantallas do mercado, tamén consume un 25% menos enerxía.
Aínda non se anunciou a data de lanzamento deste terminal, pero polo momento Yoigo xa confirmou que o comercializará por 99 euros cun compromiso de permanencia de 18 meses.

PUBLICIDADE