O Sony Ericsson Xperia Neo V dá o salto a Android 2.3.4

xoves, 25 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Ante as dificultades para conseguir cámaras de 8 Mpíxeles para integrar nos móbiles Sony Ericsson Xperia Neo, estrean agora o Xperia Neo V, un novo terminal que reduce a resolución da súa cámara aos 5 Mpíxeles, conservando a pantalla de 3,7 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon MSM8255 a 1 GHz, gráfica Adreno 205, 512 Mb de RAM, saída HDMI e Android 2.3.4, converténdose no primeiro terminal Xperia en incluír tal versión de Android de fábrica (e que en breve chegará a outros terminais Xperia: PLAY, Arc, neo, pro, mini, mini pro, active e ray).
Entre as novas características que achega a última versión de Android para os móbiles Xperia está a funcionalidade de panorámicas 3D (que poden verse en 2D no móbil e de xeito estereoscópico en televisores 3D), realizar capturas de pantalla, aproveitar a cámara frontal (nos terminais que a teñan) para usar a videoconferencia de Google Talk, introdución de texto sen levantar o dedo da pantalla (cunha adaptación da tecnoloxía Swype) e a funcionalidade USB on-the-go (ao ter o móbil Xperia na base será posible facer uso de teclados, ratos e gamepads). Estas novas prestacións vense detalladas no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE