O Surface Book 2 con pantalla de 13,5 polgadas por fin pode mercarse en España

venres, 16 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Esta semana chegou ás tendas de xeito oficial o Surface Book 2, un dos equipos máis interesantes da familia Surface porque, en vez de ser unha tableta á que pode colocárselle unha funda-teclado, trátase dun portátil ao que pode separárselle a pantalla (táctil e con lapis dixitalizador) para o seu uso a xeito de tableta.
O Surface Book 2 está xa dispoñible en tendas físicas e en liña con pantalla de 13,5 polgadas, mentres que o modelo de 15 polgadas farase esperar até o 6 de abril. Estes equipos funcionan cun procesador Intel Core de 8ª xeración, gráfica Intel Core e nVIDIA GTX 1050 e 1060 (capaces de correr a realidade virtual de Microsoft) e grazas ao seu Surface Pen con 4.096 niveis de presión senstitiva e inclinación converte a este equipo nun produto moi atractivo para creativos e estudantes. Tamén ten o seu favor contar cunha batería de até 17 horas de autonomía e poder equiparse con até 16 GB de RAM.
O Surface Book 2 pode colocarse en modo portátil, tableta, vista ou estudio, converténdose rapidamente nun lenzo dixital sobre o que desatar a creatividade. O modelo máis básico con pantalla de 13,5 polgadas ten un procesador Intel Core i5-7300U con GPU integrada Intel HD Graphics 620, 8 GB de RAM , 256 GB de almacenamento SSD e o seu prezo parte dos 1.749 euros, mentres que as versións con procesador Intel Core i7 e gráfica nVIDIA GeForce GTX 1050 con 2 GB de memoria móvense entre os 2.249 e os 3.449 euros en función da RAM (8 ou 16 GB) e do seu almacenamento interno (entre 256 GB e 1 TB).

PUBLICIDADE