O Surface Book prepara a súa chegada a Europa

martes, 5 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

En outubro Microsoft sorprendeu ao mundo co seu novo Surface Book, equipo que supón un importante paso adiante con respecto á tableta Surface Pro 4, e que aínda non conta con resposta de ningún fabricante, polo que é un produto moi desexado, e finalmente o imos ter en Europa, aínda que só nalgúns países.
Este versátil equipo que pode facer tanto de tableta de 13,5 polgadas, de tableta gráfica activa con lapis dixitalizador ou de ordenador portátil completo prepara o seu desembarco no Reino Unido, onde xa aceptan reservas na tenda en liña de Microsoft, aínda que o equipo tamén poderá mercarse en Currys e PC World, esperándose que estea dispoñible a partires do vindeiro 18 de febreiro.
Este potente equipo ten o seu principal atranco no prezo, xa que parte de 1.299 libras esterlinas (1.770 euros) para a versión máis básica (con cun procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM e 128 GB de SSD), mentres que o modelo máis recomendable, con 256 GB de SSD e unha gráfica discreta subiría o seu prezo até as 1.599 libras (2.178 euros). De queremos optar por un modelo cun procesador Intel Core i7 xa habería que pagar 1.799 libras (2.451 euros) e a versión con Core i7, 16 GB de RAM e 512 GB de SSD asustaría cun prezo de 2.249 libras (3.064 euros), que sería o que hai que pagar para gozar dun dos mellores equipos informáticos que se fixeron nunca.
Polo momento non se coñece a data na que o equipo chegará oficialmente a España, pero é de agardar que sexa en cousa dun par de meses.

PUBLICIDADE