O ThunderMag permite recuperar o MagSafe en equipos con USB-C

luns, 11 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Durante bastantes anos os equipos portátiles de Apple destacaban entre outras cousas por utilizar conectores magnéticos para a súa carga, de xeito que se por algún accidente tirábase forte do cable de carga, en vez de caer o equipo ao chan, o cable desconectábase e evitábase unha desgraza. Estes conectores MagSafe eran todo un sinal de identidade, pero coa adopción do USB-C no MacBook díxose adeus a esta tecnoloxía, que botan en falta moitos usuarios, de aí que non sorprende que estea a trunfar en Kickstarter unha campaña que quere facer realidade o ThunderMag.
O ThunderMag vén a ser un adaptador magnético na liña do MagSafe, para cables USB-C, que destaca por permitir transmisións de datos de até 40 Gbps (ou sexa, Thunderbolt 3) e a entrega de corrente de até 100 watts, de xeito que podería recuperar as bondades da carga a través dun conector magnético á vez que mantería as prestacións propias da transmisión de datos por Thunderbolt 3, en contraste con solucións semellantes como o cable de carga BreakSafe Magnetic de Griffin, que só soportaba até 60 watts de carga e non permitía a transmisión de datos nin vídeo.
Neste momento é posible optar por facerse cun ThunderMag por 39 dólares (o que suporía unha rebaixa do 50% con respecto ao seu posible futuro prezo de venda) e comezaría a entregarse aos seus mecenas a partires de abril, de xeito que por algo máis de 37 euros (gastos de envío incluídos) podería conseguirse un destes accesorios para poder utilizar dun xeito máis seguro a carga por USB-C nun ordenador portátil de Apple.

Vídeo promocional do ThunderMag

PUBLICIDADE