O Ticwatch 2 supera o medio millón de dólares en Kickstarter

venres, 29 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Tras o éxito en China do smartwach Ticwatch, só dispoñible en chinés, dende Mobvoi decidiron adaptar este atractivo produto a un público internacional cunha edición en inglés, o Ticwatch 2, que está a empregar Kickstarter como plataforma para o seu lanzamento cun éxito realmente impresionante, xa que a poucos días do seu lanzamento xa vai camiño de recadar 600.000 dólares (cando só precisaban 50.000 para facer o proxecto viable).
Se miramos ao hardware deste smartwatch que chegará aos seus mecenas en setembro-outubro vemos un produto moi semellante a un reloxo con Android Wear calquera, cun procesador MediaTek MT2601 de dobre núcleo a 1,2 GHz, 512 MB de RAM, 4 GB de almacenamento interno, pantalla redonda OLED de 1,4 polgadas cunha resolución de 400 x 400 píxeles, micrófono, altofalante, Bluetooth 4.1, Wi-Fi N, GPS, sensor óptimo de ritmo cardíaco, acelerómetro, xiroscopio, resistencia á auga, sistema de carga sen fíos magnético que carga a súa batería de 300 mAh nuns 90 minutos e un ancho de correa de 20 milímetros, sendo o seu factor diferencial que funciona con Ticwear 4.0, un sistema operativo compatible con iOS 8.0 ou superior e con Android 4.3 ou superior, que presume de grande interacción, sendo controlable por voz, a través da súa pantalla táctil, mediante o toque no seu lateral dereito ou incluso xirando o pulso ou pousando a palma da man sobre a pantalla, ou sexa, cun sistema de control moito máis completo do que estamos afeitos.
O Ticwatch 2 pode empregarse para rexistrar a nosa actividade física incluso aínda que non levemos o smartphone enriba (podendo empregarse en combinación con auriculares Bluetooth para escoitar música), avisa de notificacións, recordatorios ou citas e incluso permite atender chamadas directamente dende o reloxo, tendo boa parte da súa forza nun importante catálogo de aplicacións (cunha grande comunidade de desenvolvedores) ás que habería que engadir as de Android Wear (xa que conta cun modo de funcionamento que permite utilizar as aplicacións do sistema operativo para wearables de Google).
Neste momento o smartwatch pode conseguirse por un prezo que parte dos 139 dólares, contando con numerosas versións que varían en cor e correa, estando dispoñible a versión Onyx (con caixa de aceiro inoxidable, correa de aceiro e pantalla protexida por cristal de zafiro) por só 159 dólares (160,19 euros incluíndo os gastos de envío a España), o que parece bastante económico para un produto cun acabado de calidade que xa leva meses demostrando que a súa experiencia de software resulta satisfactoria.

PUBLICIDADE