O Type Folio convida a teclear sen distracción

martes, 7 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Dende reMarkable levan bastantes anos apostando pola tecnoloxía de tinta electrónica como un xeito de trasladar a experiencia do papel a dispositivos electrónicos, tanto para ler como para escribir, e agora que o seu dispositivo reMarkable 2 parece consolidado (e incluso foi imitado por Amazon) decidiron ampliar as súas posibilidades con accesorio, o Type Folio, unha funda teclado como as que estamos afeitos a ver para tabletas, pero que ao empregarse cun reMarkable 2 ten como fortaleza o permitir escribir sen as distraccións propias dun dispositivo conectado.
O Type Folio está dispoñible con distribución de teclado española a un prezo de 199 euros, e moi probablemente atope un oco entre escritores que queren poder teclear en mobilidade afastados das redes sociais e moitas outras distraccións presentes en ordenadores persoais e tabletas, á vez que achega protección ao dispositivo reMarkable 2 nos desprazamentos.
Este novo teclado conéctase ao reMarkable 2 de xeito automático, cando se conecta mediante imáns, podendo colocarse en dúas posicións fixas diferentes: a posición habitual que teríamos ao teclear nun portátil e unha coa pantalla case deitada para así poder combinar de xeito doado o tecleo coa toma de anotacións a man.
O Type Folio ten un grosor de 6,6 milímetros, con teclas cun percorrido de 1,3 milímetros e cun peso de 453 gramos, que se o sumamos ao peso do reMarkable 2 e o lapis dixitalizador Marker Plus chegará até os 878 gramos, polo que estamos ante un produto bastante cómodo de transportar.

O Type Folio permite replicar a experiencia de teclear nun portátil nunha tableta de tinta electrónica

PUBLICIDADE