O XO-2 podería ser un ordenador aberto

venres, 30 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Pese á falta de credibilidade do proxecto One Laptop Per Child, a iniciativa que pretende achegar ordenadores portátiles aos cativos de países en vías de desenvolvemento continúa a funcionar, aínda que con recursos cada vez máis limitados, e que ten agora coma meta o futuro portátil XO-2, que combinaría dúas pantallas táctiles e pretendería ter un prezo final de 75 dólares (cando o XO-1 aínda custa case o dobre do prezo prometido). Pero este novo equipo podería dar un cambio de temón realmente importante, e Negroponte declarou que «o XO-1 foi deseñado coma se fosemos Apple. O XO-2 deseñarase coma se fosemos Google: queremos que a xente o copie», ou sexa, que sería un desenvolvemento totalmente oposto ao do seu equipo anterior, o que podería garantir a viabilidade deste proxecto que de seguir co ritmo actual non contará cos apoios precisos para manterse no tempo.
Un XO-2 aberto podería facer máis doado que o produto final chegue ao seu público, aínda que o hardware libre é un concepto pouco explotado ata o momento, pero que combinado co software libre podería dar lugar a unha solución para que os países menos desenvolvidos poidan coller o pulso ás TIC.
Nicholas Negroponte nunha das presentacións do proxecto OLPC

PUBLICIDADE