O Xiaomi Redmi Note 2 sorprende incorporando o procesador do HTC One M9+

venres, 14 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses continúan a renovar os seus terminais económicos introducíndolle prestacións máis propia de terminais de alta gama, e así temos que a renovación do tabletófono de Xiaomi, o Redmi Note 2, sorprende incorporando no seu interior un procesador MediaTek Helio X10 de 8 núcleos a 2,2 GHz, ou sexa, o mesmo procesador que o HTC One M9+, o que é toda unha sorpresa xa que ese procesador corresponde a un ordenador insignia e non a un dispositivo de entrada.
O novo terminal de Xiaomi conta cunha pantalla Full HD de 5,5 polgadas, 2 GB de RAM, 16/32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, dobre SIM 4G, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, batería de 3.020 mAh e sistema operativo Android 5.1 coa capa MIUI 7. Unhas prestacións bastante boas, pero que sorprenden polo reducido prezo ao que chegarán ao mercado, xa que o vindeiro domingo poranse á venda os novos Redmi Note 2 a 799 iuans (112 euros) na súa versión ordinaria de 16 GB e 899 iuans (126 euros) nun modelo con maior soporte de bandas 4G, e que máis adiante terá tamén versión con 32 GB de capacidade a un prezo de 999 iuans (140 euros).

O novo smartphone estará dispoñible en varias cores como vén a ser habitual nos terminais de Xiaomi

PUBLICIDADE