O Xperia XA2 Plus é o novo móbil de Sony para a gama media

mércores, 11 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Sony presentou hoxe o seu novo Xperia XA2 Plus, un smartphone con pantalla Full HD+ de 6 polgadas e acabado metálico que busca atraer ao público co seu deseño sobrio e unha orientación ao lecer, sendo o primeiro teléfono de gama media da compañía en integrar audio de alta resolución (incorporando tamén DSEE HX para mellorar o son comprimido para unha reprodución de maior calidade).
Aínda que o Xperia XA2 Plus si adopten unha pantalla 18:9, prescinde de cámara traseira dual, aínda que a súa cámara traseira Exmor RS de 23 Mpíxeles é máis que dabondo para a meirande parte dos usuarios (sendo capaz de gravar sen problema vídeo en 4K, así como cámara lenta a 120 imaxes por segundo) e a súa cámara frontal de 8 Mpíxeles presume dun angular de 120 graos e efecto de desenfoque de fondo.
Este novo teléfono chegará ao mercado a finais de agosto cun procesador Qualcomm Snapdragon 630, 4/6 GB de RAM, 32/6 GB de almacenamento interno, Android 8.0, batería de 3.580 mAh con carga rápida (Quick Charge 3.0) e carcasa en catro colores distintas (prata, ouro, verde e negro).
Aínda non adiantaron o prezo, pero parece que Sony busca ofrecer uns bos dispositivos de gama media ante as dificultades para facerse un oco no mercado da alta gama, no que xa non só Apple e Samsung teñen unha mellor posición, senón que incluso están a gañar importancia fabricantes como Huawei.

O novo smartphone chegará en agosto en 4 cores distintas

Vídeo promocional do Xperia XA2 Plus

PUBLICIDADE