O ZEN Stone Plus competirá seriamente co iPod Shuffle de Apple

xoves, 21 de xuño do 2007 Marcus Fernández

A resposta de Creative ó iPod Shuffle de Apple mellora as súas prestacións, e así agora chega o Zen Stone Plus, que incorpora 2 Gb de memoria, reproduce MP3, WMA e Audible, conta con cronómetro, unha pantalla de 64x64 píxels, radio FM e micrófono e ofrécese en 6 cores distintas.
O Zen Stone Plus mide 55,6 x 35,3 x 12,8 mm e pesa 21 gramos, mentres que o iPod Shuffle mide 27,3 x 41,2 x 10,5 mm e pesa 15,5 gramos, de xeito que aínda que o novo reprodutor non é máis cativo que o de Apple, ten o dobre de capacidade e custa un pouco menos (69,99 euros fronte ós 79 euros do Shuffle). De feito, a versión de 1 Gb do reprodutor de Creative só custa 39,90 euros o que lle permite mesmo competir con reprodutores de marcas relativamente descoñecidas.
Os pequenos reprodutores de Creative contan ademais cunha oferta de accesorios coma unha banda para levar o reprodutor no brazo, unha funda protectora de silicona e mesmo un chaveiro, ós que se vén de engadir o Creative TravelSound Zen Stone, ou sexa, uns autofalantes deseñados para estes reducidos dispositivos.
Vexámola atractiva presentación deste novo reprodutor:

PUBLICIDADE