O ZTE AXON protexerá a súa pantalla dos microbios

martes, 21 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Normalmente cando falamos de pantallas con protección Corning Gorilla Glass referímonos a un recubrimento que protexe as pantallas dos nosos dispositivos electrónicos contra golpes e rabuñaduras, pero Corning anunciou hoxe que o novo smartphone chinés ZTE AXON inclúe unha nova versión desta tecnoloxía que tamén inclúe protección contra os microbios, de xeito que evita que as pantallas táctiles reteñan partículas que xeran fedor e sucidade.
O ZTE AXON destacaría así por ser o primeiro teléfono en incorporar Antimicrobial Corning Gorilla Glass na súa pantalla de 5,5 polgadas, asegurándose dende Corning que a súa tecnoloxía contribuiría á protección do terminal móbil durante toda a súa vida.
Esta solución resulta especialmente interesante se temos en conta que as pantallas dos smartphones están con moita frecuencia en contacto dos nosos dedos e caras, polo que optimizar a súa hixiene podería ser unha medida bastante prudente.
Obviando a tecnoloxía de Corning, o ZTE AXON é un smartphone bastante interesante, cunha pantalla de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 810 de 8 núcleos a 2,0 GHz, 4 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno, cámara traseira de dobre obxectivo (13 e 2 Mpíxeles), sensor retroiluminado e dobre flash LED, cámara frontal de 8 Mpíxeles, batería de 3.000 mAh con Qualcomm Quick Charge 2.0, Android 5.1, un grosor de 9,4 milímetros, un peso de 173 gramos e carcasa en dourado, prata ou azul. Un auténtico móbil insignia que é de agardar que pronto poidamos ver no noso territorio.

PUBLICIDADE