“O blog é unha ferramenta multiuso para a pedagoxía”

venres, 5 de xaneiro do 2007 Redacción

Os blogs, no senso máis técnico do nome, seguen en boca de todos e nada hai que indique que lles vai pasar coma a outros experimentos tecnolóxicos que quedaron polo camiño. Ademais, as súas posibilidades aínda están por explorar. Cada certo tempo descóbrese unha nova función: primeiro foi a de dar renda solta á creatividade da xente e dialogar sen límite, logo foi a de facer novo xornalismo e despois incluso a de facer negocio (asemade, non podemos esquecer o seu valor como espazo axeitado para reivindicar todo tipo de causas xustas... ou non). O que se cadra non estaba moi claro é que tamén serven (e moi ben) para formar, educar e asesorar. Como a bitácora do orientador académico e laboral Daniel Veiga, do IES García Barbón, quen leva case dous anos xestionando un blog para axudar ós estudantes a formarse dixitalmente, tirarlle máis rendemento ós seus estudos e, en última instancia, atopar traballo. A xuízo de Daniel, o blog é no pedagóxico como unha navalla suíza e permite que até o mestre máis despistado en materia tecnolóxica se converta (case, case) en experto en redes.

Membro da Asociación Profesional de Orientación Educativa de Galicia (APOEGAL) e responsable da Comisión de Recursos. (www.apoegal.com), Daniel Veiga traballa dende o Instituto de Educación Secundaria García Barbón de Vigo sendo o branco das preguntas e das queixas de todos aqueles mozos e mozas que ven o seu futuro laboral coma unha néboa mesta. Dito doutro xeito: é orientador académico e laboral no centro e, a maiores, blogueiro. El é quen move boa parte dos fíos de Orientación.blogia.com.
-Brevemente, en que consiste a iniciativa Orientacion.blogia.com?
-É unha iniciativa que xorde do noso interese pola Rede –a nosa experiencia leva o nome de Orientarse con Internet- e que aposta de maneira decidida polo formato blog dende febreiro de 2005. Nun primeiro momento, esta bitácora vai encamiñada a servir de axuda para complementar os procesos de información académica e profesional do alumnado do noso IES, tanto en Programas de Garantía Social, Ciclos de Grao Medio e Superior, Bacharelatos como en Educación de Adultos. Na actualidade, o blog é unha ferramenta eficaz de información e achega coñecemento do dixital ó alumnado.
-Por que elixiu o formato blog para levar a cabo esta actividade orientativa e formativa no eido escolar? Que ten o blog que non teña o resto das “feituras web”?
-Eu sempre digo que non me gusta a informática, que non teño especiais calidades para as cuestións tecnolóxicas. Por iso, cando elixo o formato blog para realizar unha parte das tarefas de orientación e información académica, fágoo pola súa simplicidade, publicación inmediata e outras vantaxes engadidas (buscador interno, clasificación da información en temas, sindicación de contidos –rss-, recursos multimedia, etc). O blog é unha ferramenta multiuso –un espazo de aprendizaxe- que posibilita tantos empregos pedagóxicos como sexamos quen de imaxinar. A bitácora fornece de protagonismo ó profesorado e o alumnado.
-Para que estudantes en concreto vai orientado este proxecto? Só se poden ver beneficiados os do IES García Barbón?
-Como xa dixen antes, o blog xorde para dar resposta ás necesidades de información académica e profesional do alumnado do IES García Barbón, pero, a medida que imos traballando máis e afondando nas súas posibilidades, procuramos que poida ser útil para calquera alumno de ensino non universitario. Trátase dun recurso presente en Internet e dispoñible os 365 días do ano e as 24 horas do día.
-Cando se puxo en marcha esta iniciativa e cales foron os froitos recollidos en concreto até o de agora?
-A iniciativa de crear un blog de orientación xorde no mes de febreiro de 2005 –nos anos anteriores xa existía a experiencia formativa Orientarse con Internet- e ten a orixe no noso interese polo emprego da Rede como medio de comunicación, información e formación. Sempre tivemos unha dobre meta: posibilitar a alfabetización dixital básica do alumnado e favorecer a información académica e profesional mediante o emprego de Internet. Creo que, a día de hoxe, os froitos recollidos poden relacionarse cos seguintes aspectos:
· O traballo orientador do noso centro educativo aposta de maneira decidida polo uso do blog como recurso de información académica e profesional. O alumnado coñece e aprende a usar o caderno web.
· Formamos ao alumnado no coñecemento e emprego de ferramentas tecnolóxicas básicas (correo electrónico, buscar información na Internet, informarse de maneira automática -bloglines-, crear un blog, etc).
Vémolo en http://orientacion.blogia.com/temas/barbon-blogs-.php.
· Orientamos ao profesorado e potenciamos a realización de grupos de traballo sobre novas tecnoloxías. Podemos visitar estes contidos en http://seminario321.bitacoras.com e máis en http://grupo20062007.blogia.com.
· No actual curso académico todos/as os alumno/as xa dispoñen dun correo electrónico de alta capacidade en Gmail –para uso académico-, o servizo de correo de Google de alta capacidade. Cada alumno/a ten unha tarxeta cos seus datos: http://orientacion.blogia.com/2006/111901-correo-electronico-de-alta-capacidade-e-chat-de-gmail-para-todos-as.php.
E tamén un caderno Orientarse con Internet 2006/2007: http://ataja.es/oci20062007.
· Creamos unha plataforma web que xa foi utilizada por máis de 40.000 persoas.
· Temos a impresión de que este blog quere ser tamén unha porta de entrada á Rede para os alumnos, algo así como unha “man amiga” para que non camiñen en soidade e, tamén, un xeito de conciencialos da importancia deste tipo de formación.
-É tan importante hoxe en día o uso racional da Rede para a mocidade? Por que?
-Eu creo que o uso informado –intelixente- de Internet é unha competencia precisa para o conxunto da poboación. No caso da mocidade, vexo que se trata dunha ferramenta imprescindible para comunicarse, informarse e formarse. É necesario axudar ós rapaces a valorar de maneira crítica e construtiva toda a información da que dispoñen. Creo que é unha tarefa na que os centros educativos teñen que contar con axuda doutras institucións e organismos.
-Hai estudos que sinalan que as novas tecnoloxías poden levar consigo problemas de adicción á Rede e ós móbiles para certas persoas, constituíndo os mozos e as mozas de entre 14 e 25 anos nas sociedades desenvolvidas un colectivo de risco. Que opinión lle merece isto? Será que non é ouro todo o que reloce?
-Non teño unha opinión formada sobre a importancia e a dimensión do risco de adicción, pero entendo que é moi conveniente formar aos adolescentes para que leven a cabo un uso eficaz e útil das novas tecnoloxías.
-Fálenos de proxectos. Futuras incorporacións ó blog. Porá vostede algún recurso nel que até o de agora non se vira en ningún outro espazo web?
-Un dos proxectos que xa estaba na idea orixinal en febreiro de 2005 era o de solicitar de maneira expresa a colaboración -opinión, comentario, crítica- de alumnos/as de distintos niveis e ensino. Por exemplo, que alumnos/as de primeiro de Bacharelato aconsellen –a súa maneira- ao alumnado de cuarto de Educación Secundaria Obligatoria, que os de segundo de Bacharelato aconsellen aos de primeiro de Bacharelato, que os que cursan un ciclo aconsellen a outros que estean ocupados con estudos anteriores, que os universitarios dunha determinada titulación aconsellen sobre as características reais dos seus estudos e a vida na universidade, etc. O devandito proxecto é unha esperanza, agora mesmo..
Polo de agora non teño previsto realizar modificacións importantes no caderno. Creo que xa é traballo abondo o feito de telo actualizado e ir incorporando, na medida do posible, elementos multimedia. Creo que é moi importante que os/as alumnos/as usen o blog e que sigamos todos a traballar na formación en novas tecnoloxías do alumnado e do profesorado.
-Recoméndelles ós estudantes galegos cinco páxinas web ou bitácoras ou recursos en xeral cos que haxa que estar sempre en contacto para ter unha boa formación.
· O portal de contidos educativos da Xunta de Galicia:
www.edu.xunta.es/contidos
· O portal de Formación Profesional da Xunta
www.edu.xunta.es/fp
· A páxina da Comisión Interuniversitaria de Galicia (para futuros/as universitarios/as)
http://ciug.cesga.es/actualizacion/marconovas.html
· Guía do mundo das ocupacións
http://guiadeocupaciones.info/
· O planeta de blogs educativos:
http://www.aulablog.com/planeta/

PUBLICIDADE