O ciclo de encontros sobre Industria 4.0 chega a Pontevedra

martes, 3 de outubro do 2017 Redacción

Este 5 de outubro celébrase en Pontevedra un encontro empresarial especialmente acaído para todos aqueles que anden na procura de metodoloxías-tecnoloxías para producir mellor, con menor esforzo, dun xeito máis sustentábel co medio e máis eficiente. Estamos a falar da edición local do ciclo Retos e oportunidades da Industria 4.0 para Galicia. Celebrarase na sede de Afundación situada no número 2 da na rúa Augusto González Bicada, a partir das 9:15horas. A sesión vén da man, conxuntamente, do IGAPE, o Círculo Financeiro de Galicia e APD, coa colaboración ademais de ABANCA, AJE Pontevedra, AEMPE e a firma de novas tecnoloxías da información Emetel.
A xuntanza desta semana forma parte dun ciclo itinerante (primeiro Vigo e Ourense e agora Pontevedra) que busca promover novos xeitos de xerar información, coñecemento, producir e facer actividade industrial. “Con estes encontros”, sinala a organización, “preténdese reflexionar, concienciar, debater, compartir experiencias e promover a colaboración entre empresas, administracións, centros tecnolóxicos, universidades, clústers, etcétera, así como analizar as oportunidades que a revolución tecnolóxica en todos os seus aspectos ofrece á industria galega”.
A sesión de Pontevedra será inaugurada por Mª Carmen Fdez Penas, directora territorial de Pontevedra de ABANCA, Marcelino Otero, do Círculo de Empresarios de Galicia. Participarán Norberto Penedo, director da área de Competitividade do IGAPE, Camilo Lobato, director adxunto de Emetel, Francisco Izquierdo, presidente de Grupo IZ, e Antonio Casal, director territorial de ENCE en Pontevedra.
As vindeiras sesións empresariais deste ciclo terán lugar en Ferrol, Lugo e Boiro ao longo deste mes de outubro.

PUBLICIDADE