O consumo de enerxía (cada vez maior) dos servidores: nova pedra no zapato das empresas

venres, 15 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

O futuro non pinta especialmente ben para as empresas que queiran aforrar gastos en enerxía e que aposten ó mesmo por ampliar e mellorar os seus centros de procesos de datos (CPD) e, en definitiva, todo aquilo que lles sirva dende o eido tecnolóxico para almacenar e xestionar a información, valor por outra banda cada vez máis importante. Estamos a falar dun incremento da inseguridade informática? Non é este o caso, aínda que ben podería selo.
Desta volta tocamos un tema diferente: o do gasto que supón para as empresas o consumo enerxético cada vez maior dos seus servidores, gasto ó que hai que sumar (leña ó lume) a recente decisión do Goberno de subir os recibos da luz nos fogares e no sector industrial.
Polo tanto, informan medios como Vnunet, chegamos a unha situación cun aquel de paradoxo: as empresas investiron hai anos en informática e novas tecnoloxías (e refrixeración para as mesmas) co fin de optimizar os recursos e a xestión e agora resulta que corren serio risco de ver como o recibo da luz lle pon fin ó retorno do investimento nesa medido.
Segundo di HP, en 1992 rexistrouse unha media de 2.1 kw por rack nos CPD, fronte ós 14 kw por rack que se acadaron no ano que xa está a piques de rematar. E engade: “O custo enerxético dun servidor durante tres anos é practicamente igual có gasto de adquisición do mesmo en Estados Unidos”.
Cal sería a solución a este problema crecente? Probablemente, segundo apunta HP (meténdose de cheo, por certo, en facer publicidade dos seus produtos especialmente deseñados para remediar este “contratempo”), pola posta en marcha de sistemas que dirixan os recursos enerxéticos alí onde se precisan –onde haxa máis índices de calor– entendéndose o aire acondicionado que requiren os equipos un destes recursos fundamentais.

PUBLICIDADE