O documental Marxe de erro dá visibilidade ao rol das mulleres tecnólogas

martes, 26 de outubro do 2021 Redacción

O centro GaiásTech da Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta mañá a presentación do documental Marxe de erro, no que se amosa o perfil profesional de cinco mulleres tecnólogas. A iniciativa, enmárcase na colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e a AMTEGA a través do Plan DigiTalent para promover as vocacións tecnolóxicas femininas.
Na presentación participaron a directora da AMTEGA, Mar Pereira; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e o presidente do CPETIG, Marcos Mata. Ao encontro estaban convidados, tamén, alumnos de bacharelato STEMbach de centros educativos de toda Galicia.

30% de mulleres no sector TIC

Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información de Galicia (Osimga) sinalan que só o 30,4% dos traballadores do sector TIC galego son mulleres. Ademais, só 14,7% desenvolve tarefas especificamente TIC, fronte ao 49,3% dos homes e a porcentaxe de empresas TIC galegas conta con mulleres en postos de dirección sitúase no 14,3%.
A directora da AMTEGA sinalou que é evidente que queda camiño por percorrer para reducir a fenda de xénero no sector tecnolóxico, ávido de novos especialistas e con moitas posibilidades profesionais. Lembrou que a Estratexia Galicia Dixital 2030 contempla a promoción do talento dixital como un eixo transversal que, por suposto, ten entre os seus obxectivos a redución da fenda de xéneno nas carreiras STEM e como consecuencia no sector tecnolóxico.

Preto do 75% das persoas tituladas STEM traballa en Galicia

Ademais Pereira apuntou algunhas cifras relativas ao emprego dos titulados en carreiras STEM en Galicia como que oito de cada dez egresados volvería a cursar a mesma titulación; que 83,6% está incorporado ao mercado laboral nos dous primeiros anos tras rematar os seus estudos e que o 74,8% das persoas tituladas STEM desenvolven a súa traxectoria profesional en Galicia.
Iniciativas como a de hoxe visibilizan e difunden referentes e por iso Mar Pereira quixo agradecer especialmente a colaboración de Berta Candendo, Susana Ladra; Susana Gómez, Verónica Bolón e Silvia Piñeiro, as profesionais que participaron no documental Marxe de erro.

PUBLICIDADE