O elevado número de proxectos presentados a Vindeira Capital obriga a reestruturar o foro

luns, 16 de setembro do 2013 Redacción

Participantes nos encontros previos a Vindeira Capital Network: as sesións Vindeira Venture Academy

O Clúster TIC Galicia informou co comezo desta semana da excelente acollida que está a ter a edición 2013, a cuarta xa, de Vindeira Capital Network, foro galego de captación de investimento TIC organizado en colaboración con Xesgalicia. Segundo informan as entidades promotoras deste encontro, dado o alto número de inscrición recibidas e co obxectivo de ampliar os límites que nun principio se tiñan fixados, arestora estanse a reorganizar as datas que marcan o proceso de desenvolvemento e preparación do foro, sendo o obxectivo, polo tanto, dar cabida ao meirande número posíbel de proxectos aspirantes á captación de fondos e investidores. Tendo en conta isto, a nova edición de Vindeira Capital Network celebrarase a finais do mes de novembro.
Neste intres, o comité avaliador está a examinar os proxectos presentados e nas vindeiras semanas porase en comunicación directa con tódolos implicados para informalos de datas e procesos e seguir.
Lembrar que Vindeira Capital Network comezou conxuntamente coa Plataforma Tecnolóxica Vindeira en 2010, co obxectivo de achegar emprendedores e investidores para favorecer o financiamento de proxectos baseados nas TIC, e agora amplía o seu enfoque para abordar tamén os sectores biotecnolóxico, agroalimentario, audiovisual, da automoción e doutros ámbitos no que se conte cunha alta compoñente tecnolóxica.
Nas tres primeiras edicións de Vindeira Capital Network presentáronse un total de 52 proxectos a importantes entidades de Capital Risco e business angels e contouse cunha participación media, en cada edición, de 15 entidades de investimento privadas de alcance nacional, ademais de investidores públicos. Este ano contarase novamente coa participación de analistas, conselleiros delegados e directores de investimento que representan a fondos e entidades de investimento cun rango de inversión que oscila entre os 100.000 e os seis millóns de euros.
Buscar, detectar e identificar proxectos que poidan converterse en negocios de base tecnolóxica é a fase inicial do VCN’13.

PUBLICIDADE