O emprendedor Rubén López abre o ciclo de conferencias Galegos de Alto Impacto

luns, 8 de novembro do 2021 S. P.

O emprendedor tecnolóxico Rubén López será o encargado de abrir o ciclo de conferencias Galegos de Alto Impacto, organizado por FEUGA e StartUp Galicia co obxectivo de dar voz a referentes galegos do actual tecido produtivo e impulsar a creación de novas iniciativas de mercado (iniciativas que teñan como alicerce a innovación e as novas ferramentas) entre a xente nova. A cita será este 22 de novembro, ás 19.00 horas, no salón de actos de FEUGA no Campus Sur de Santiago. O formato será presencial e achegaranse 110 prazas.
Nela, o enxeñeiro coruñés Rubén López falará da súa experiencia profesional coas multinacionais Google e Youtube, e tamén da súa propia andaina (a día de hoxe) como emprendedor tecnolóxico na nosa terra. Tamén afondará nas metodoloxías máis indicadas para captar, xestionar e potenciar o talento técnico ao estilo de Silicon Valley.
Rubén, durante a súa traxectoria profesional formou parte do persoal de Google e YouTube e, actualmente, está a lanzar o seu propio proxecto, Aruma Studios, un estudo independente de creación de videoxogos na Coruña. A sesión estará conducida por Jaime Novoa, xestor de investimentos en KFund e membro da asociación StartUp Galicia.
StartUp Galicia e FEUGA asinaron un acordo de colaboración para fomentar o emprendemento entre estudantes e profesionais para impulsar ideas de negocio innovadoras. Desta unión nace o espazo StartUp Àgora, que acollerá conferencias de referentes galegos en startups ou empresas de alto impacto nas que compartirán as súas experiencias coas novas xeracións de emprendedores.

PUBLICIDADE