O espazo xuvenil da Sagrada Familia na Coruña acollerá torneos de videoxogos

mércores, 9 de xaneiro do 2019 Redacción

O Concello da Coruña presentou onte o programa de actividades de xaneiro para o espazo de dinamización xuvenil da Sagrada Familia: un completo feixe de accións creativas, divulgadoras e innovadoras que abranguen obradoiros, cinefórum, xogos e torneos de videoxogos. O contido e formatos dos diferentes puntos do programa, dado a coñecer onte pola concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, foi proposto pola propia mocidade usuaria do centro, que contribúe coa súa participación activa a converter o espazo de dinamización nun espazo autónomo.
A programación arrincou con dúas propostas de lecer: os xogos en grupo do 4 de xaneiro e unha sesión de cinema na tarde do día 5. O venres 11 haberá un obradoiro sobre xardinería e o sábado 12 un encontro no que realizar tatuaxes de henna, actividade que se repetirá tamén o sábado día 26. Na seguinte semana, o venres 18, haberá un taller sobre modelaxe e, por último, os rapaces e as rapazas poderán medir as súas habilidades cos videoxogos nun torneo de XBOX.
O centro, que está localizado no cuarto andar do centro social da Sagrada Familia, “naceu dunha necesidade do barrio, da carencia de espazos e proxectos para a xente nova, e converteuse en poucos meses nun punto de encontro e referencia para varios colectivos”, explicou Delso. O espazo abre durante as tarde de martes a domingo, en horario de 17.00 a 21.00, mentres que os venres e sábados, días nos que se desenvolven os obradoiros, conta cun horario de apertura ampliado ata as 23.00 horas. Para máis información sobre o punto de encontro da mocidade na Sagrada Familia, pódese visitar o apartado de mocidade da web municipal.

PUBLICIDADE