O estilista de Beyoncé comercializa unha funda de móbil para iluminar os selfies

luns, 4 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Non sorprende ver como figuras do mundo do espectáculo se apuntan a apadriñar produtos electrónicos, pero agora incluso os profesionais que traballan para eles fan o mesmo, e agora temos que Ty Hunter, “o estilista de Beyoncé”, creou unha funda para smartphones que incorpora luces LED para axudar a disparar mellores selfies. Por fortuna, este accesorio contará con batería de seu, para non afectar á autonomía do teléfono, pero o seu prezo non é precisamente atractivo xa que a Ty-Lite Protective Lighted Case véndese por 79,99 dólares en modelos para iPhone 5s, 6/6s, 6 Plus e Samsung Galaxy S6, polo que non parece estar ao alcance de todos os petos. O modelo para iPhone 6 e 6s xa está dispoñible, os do resto de iPhone chegarán este mesmo mes, mentres que o do Galaxy S6 tardará un pouco máis en estar dispoñible.
Este curioso accesorio inclúe tres configuracións diferentes (frío, cálido e brillante) para adaptarse a distintas situacións, e permitirían non só disparar mellores fotografías, senón tamén mellorar as gravacións de vídeo.
Tamén resulta rechamante ver que non é o único accesorio deste tipo no mercado, senón que tamén hai outras fundas luminosas para os mesmos terminais que a funda de Ty-Lite, da marca LuMee e que teñen un prezo de 49,95-59,95 dólares, polo que previsiblemente beneficiarase do hype creado polo novo accesorio.

Vídeo no que podemos ver o funcionamento do modos de iluminación da funda Ty-Lite

PUBLICIDADE