O grupo AdvancedBiofab da UDC presenta unha tecnoloxía para crear estruturas de alta resolución en aplicacións médicas

mércores, 31 de xullo do 2024 S. P.

O investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC Daniel Nieto, e o seu equipo de laboratorio Advanced Biofab, veñen de presentar unha tecnoloxía avanzada multimaterial que permite a creación de estruturas de alta resolución para aplicacións médicas, un desenvolvemento que levará a cabo en colaboración coa compañía de biofabricación 3D Healthbiolux.
Esta tecnoloxía, explica o grupo, “representa un avance moi significativo cara a fabricación personalizada de tecidos, abrindo novas posibilidades no tratamento de enfermidades e mancaduras, xa que ata o momento, non se utilizou nin un só tecido artificial para substituír parte dun órgano, agás tecidos simples ou avasculares, como a pel ou a cartilaxe”. Isto débese principalmente a que as tecnoloxías de vangarda de bioimpresión 3D non logran replicar as diferentes estruturas multimaterial asociadas aos diferentes microtecidos e órganos humanos; e como consecuencia non consiguen desenvolver órganos funcionais e fisiolóxicos "reais", sinalan, engadindo que pola contra “este dispositivo multimaterial permítenos bioimprimir de xeito simultáneo varios biomateriais que conteñen células é así poder xerar estruturas pluricelulares con resolucións e en tempos clinicamente aceptábeis”.
A bioimpresora entre a UDC e Health Biolux beneficiará a diversos sectores industriais, incluíndo o sector de fabricación de produtos biolóxicos, a industria farmacéutica, a industria da medicina rexenerativa e os sectores tecnolóxicos relacionados co descubrimento de fármacos e modelado de enfermidades.
Tamén contribuirá ás 3R (reducir, refinar e substituír) das probas con animais e mellorar a relevancia humana e a rendibilidade da avaliación da seguridade, sinalan dende o grupo da UDC, explicando que na actualidade a Unión Europea utiliza ao redor dun millón de animais ao ano para avaliar a seguridade de produto químicos. “Porén, co desenvolvemento desta bioimpresora aporta unha ferramenta que contribuirá ás 3R (perfeccionamento, redución e substitución) das probas en animais reducindo de forma significativa a necesidade de experimentar con modelos animais”.
O reputado investigador Daniel Nieto, incorporado ao CICA neste ano, traballa en cinco liñas de investigación punteiras que van desde a biofabricación avanzada para sistemas de enxeñería vivos ou a biofabricación para enxeñería de órganos e tecidos ata a liña de investigación baseada en HOTB para a bioimpresión óptica holográfica por pinzas.