O novo Echo Show 10 xírase automaticamente para seguir ao usuario

xoves, 28 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Hai uns meses Amazon presentou un produto moi interesante, o novo Echo Show 10, que nesta terceira xeración da pantalla de 10 polgadas co asistente Alexa destaca por unha novidade moi atractiva: o movemento. Esta pantalla conectada de Amazon está robotizada, de xeito que cando esteamos a facer unha videoconferencia coa súa cámara frontal de 13 Mpíxeles o produto xira automaticamente para manter centrado ao usuario na imaxe, o que pode resultar moi cómodo, sendo posible gozar desta prestación tamén durante a visualización de contidos (de xeito que se nos movemos pola habitación non perdemos de vista a pantalla).
Aínda que este produto, que terá un prezo de 249,99 euros, aínda non ten data de lanzamento confirmada en España, semella que iso vai mudar en breve, pois nos EE.UU. veñen de fixar a saída do produto no 25 de febreiro.
O Echo Show 10 é probablemente o dispositivo con Alexa máis axeitado para a súa colocación na cociña, xa que conta con funcións que poden axudar a seguir receitas ou xestionar a listaxe da compra, á vez que achega contidos audiovisuais de distintos servizos (Amazon Prime Video, Netflix, RTVE, Antena 3 Noticias...) e tamén é unha boa ferramenta de comunicación, permitindo videoconferencias coa aplicación de Alexa, outros dispositivos Echo Show e incluso Skype. E para os máis preocupados polas súa intimidade conta cun mecanismo para tapar a cámara e un botón para desactivar os micrófonos.

PUBLICIDADE