O novo aire acondicionado de LG presume de IA

martes, 28 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Que a intelixencia artificial é a etiqueta de moda non é ningunha sorpresa, e non só está presente en ordenadores, smartphones e televisores, senón que fabricantes como LG tamén a están a introducir en electrodomésticos máis mundanos, como o novo sistema de aire acondicionado doméstico Dualcool AI Air, que presume de confort, eficiencia enerxética e coidado do aire.
O novo Dualcool AI Air proporciona un ambiente de climatización optimizado e personalizado ás preferencias de cada usuario. O AI DUAL Inverter detecta a temperatura ambiente do espazo e axusta intelixentemente a temperatura, a dirección e a velocidade do fluxo de aire para garantir un confort constante e o modo AI Air inclúe un sensor de detección humana, que rastrexa con precisión a localización do usuario e aprende os seus patróns de uso a través da análise espacial da aplicación ThinQ, creando o camiño de fluxo de aire máis eficiente. Esta función tamén axusta automaticamente a configuración para ofrecer un ambiente interior agradable, proporcionando un fluxo de aire directo para un arrefriamento ou quecemento rápido e cambiando ao modo Soft Air con fluxo indirecto cando a estancia alcanza a temperatura ideal.
Ademais, o novo modelo conta co Sleep Timer+, que analiza as preferencias e os patróns de sono do usuario para ofrecer un ambiente relaxante.