O novo cargador sen fíos de IKEA quere ser invisible

luns, 20 de setembro do 2021 Marcus Fernández

A cadea de tendas IKEA conta cun coidado catálogo de produtos destinados á carga sen fíos de smartphones, procurando que esteticamente poidan casar coa decoración para converterse nunha parte máis do mobiliario, algo que terían levado a un nivel superior co cargador Sjömärke, que veñen de incorporar á tenda en liña estadounidense da marca a un prezo de 39,99 dólares (o prezo europeo sería de 34,99 euros), e que sorprendería por poder instalarse directamente na parte inferior dunha mesa ou estante, de xeito que a carga atravesaría tal superficie mantendo o cargador oculto.
Até o momento os cargadores sen fíos de IKEA buscaban ser discretos e disfrazarse de elementos do fogar, pero co Sjömärke o cargador busca ser invisible, agochándose tras superficies de entre 0,8 e 2,2 centímetros de grosor que non sexan de metal, como poderían ser escritorios, mesas de dormitorio ou outros elementos sobre os que apoiar os nosos dispositivos compatibles con carga por indución para recargarse sen ter o cargador á vista.
O novo cargador sen fíos debe conectarse a corrente co seu propio cable, e inclúe cinta adhesiva de dobre cara para facer doada a súa instalación. O cargador Sjömärke pode ofrecer carga a até 19 watts, aínda que podemos entender que o grosor da superficie na que se instale afectará seriamente á velocidade de carga, polo que parece pensado para superficies nos que vaia deixarse o dispositivo a cargar durante bastantes horas seguidas.

Vídeo no que podemos ver o procedemento de instalación do novo cargador de IKEA

PUBLICIDADE