O novo dron de DJI pode evitar obstáculos de xeito automático

mércores, 2 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O vehículos aéreos non tripulados son cada vez máis populares, grazas á evolución da súa tecnoloxía que os fai cada día máis versátiles, máis doados de controlar e máis económicos de adquirir e manter, sorprendendo o feito de que dende China conseguisen colocarse en cabeza na innovación neste ámbito, de xeito que a serie Phantom de DJI está conseguindo converterse no grande referente do sector, que dá un interesante paso adiante co seu novo Phantom 4, que o vindeiro 15 de marzo estará dispoñible e que xa pode encargarse por 1.599 euros.

O Phantom 4 inclúe sensores que permiten detectar obstáculos para evitalos

Agora xa non nos preocupamos na definición da cámara do dron (pois unha vez alcanzado o vídeo en UHD a 30 cadros por segundo cóbrense a meirande parte das demandas), no seu sistema de estabilización de imaxe ou na súa autonomía (cada vez maior, superando a meirande parte dos usos prácticos e permitindo superar certos límites mediante a substitución rápida das baterías), senón que buscamos xa innovacións interesantes como seguimento de obxectivos, función de retorno automático intelixente e cousas polo estilo, e precisamente aí destaca o novo xoguete de DJI, capaz de moverse até a 72 quilómetros por hora, voar até 28 minutos a unha distancia de control de até 5 quilómetros, e con funcións avanzadas como a detección e evasión de obstáculos automática (integra un par de sensores que operarían a xeito de ollos, rexistrando as tres dimensións grazas á visión estereoscópica), a posibilidade de controlar o dron con toques en pantalla, poder indicarlle un suxeito para que o siga a cámara do dron de xeito automático (ideal para actividades deportivas, e sen precisar que o obxectivo a perseguir teña que levar un accesorio que facilite a súa localización).
Estamos así ante unha importante mellora con respecto á anterior xeración de drons DJI Phantom, que fan cada vez máis doado o uso deste tipo de dispositivos, de xeito que paulatinamente van avanzando até que co tempo teñan automatizacións dabondo para que non sexan consideradas un perigoso obxecto voador, senón un accesorio de fotografía e vídeo.

Vídeo de presentación do DJI Phantom 4

PUBLICIDADE