O novo iPad podería presentarse o 7 de marzo

mércores, 15 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Nas últimas semanas os rumores que apuntan ao inminente anuncio do iPad 3 non paran de acumularse, e xa hai quen se atreve a datar o evento de presentación do novo tablet de Apple no 7 de marzo, destacando o novo dispositivo por contar cunha pantalla cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles (dobrando a resolución dos modelos actuais), n procesador Apple A6 (que podería contar con 4 núcleos) e conectividade LTE (ou sexa, que o modelo con banda larga móbil non se conformaría con 3G, senón que gozaría de conexións 4G).
Os rumores tamén apuntan a que o novo iPad podería contar con cámaras melloradas, permitindo incluso o uso da videoconferencia FaceTime en alta definición, aínda que tampouco se esperan grandes alardes a este respecto, posto que Apple ten que optar por compoñentes relativamente económicos se quere manter o prezo de venda do seu produto estrela.
Non parece haber dúbidas sobre a mellora da resolución de pantalla do iPad 3 (fálase de que Apple podería ter encargado cando menos 65 millóns das novas pantallas) e incluso hai comentarios sobre a posibilidade de que, aparte do tradicional modelo con pantalla de 9,7 polgadas, contasen cunha versión de 8 polgadas, o que parece bastante improbable se atendemos aos comentarios anteriores dos responsables do deseño de Apple (así como ás declaracións de Tim Cook ninguneando ao Kindle Fire) ou ao feito de que, de buscar un tablet máis económico, o máis razoable sería que continuasen a vender o iPad 2 cunha rebaixa duns 100 euros (como acontece normalmente cos lanzamentos de novos iPhone).
O que si parece claro é que desta volta, aínda que o tablet non vaia ter un cambio estético destacable (do iPad ao iPad 2 xa se produciu un adelgazamento do tablet bastante pronunciado), a mellora da resolución de pantalla e a posible integración do asistente de voz Siri poderían ser auténticos motores de renovación do actual parque de tablets de Apple, de aí que non sorprenda que nestes momentos Apple estea a rexistrar máximos históricos nos mercados bolsistas, achegándose aos 500 dólares, o que dá unha idea das altas expectativas coas que conta a compañía grazas a un produto que nos seus comezos tivera unha acollida bastante mala e que finalmente o público recibiu cos brazos abertos.

PUBLICIDADE