O novo router OnHub de Google sorprende cun sensor de proximidade

mércores, 28 de outubro do 2015 Marcus Fernández

En agosto Google presentou o seu router OnHub, unha solución para ter unha conexión Wi-Fi de calidade no fogar, baseándose en tecnoloxía de TP-LINK, e que tería un prezo de 199,99 dólares; e agora amplían esta liña de produtos co ASUS OnHub, un router que vai na mesma liña, pero de distinto fabricante, elevando o seu prezo até os 219,99 dólares, pero que destaca por contar cun sensor de proximidade, o que permitiría que potenciásemos a velocidade da Wi-Fi para un dispositivo determinado movendo a man sobre o ASUS OnHub.
Este novo router pode configurarse de xeito doado dende a aplicación móbil de Google, integra numerosas antenas xestionadas mediante un algoritmo intelixente que facilita que teñamos a mellor conexións Wi-Fi posible, aproveitando ao máximo as frecuencias menos saturadas e empregando as antenas máis axeitadas para cada dispositivo.
O ASUS OnHub inclúe conectores Gigabit Ethernet (1 LAN e outro WAN), integra 6 antenas para a banda dos 2,4 GHz, outras 6 antenas para a banda dos 5 GHz, funciona cun procesador de dobre núcleo a 1,4 GHz, 1 GB de RAM e 4 GB de almacenamento interno e incluso conta con tecnoloxía de seguridade avanzada, para que non só teñamos unha conexión rápida, senón que tamén poidamos confiar en que a nosa rede este libre de intrusos (o que será posible en boa medida pola política de actualizacións frecuentes desta plataforma).
Polo momento os routers OnHub non están dispoñibles oficialmente dende España.

PUBLICIDADE