O portal Proxector celebra o Día da Ciencia en Galicia cun especial sobre agro sustentábel e saúde

mércores, 5 de outubro do 2022 S. P.

Logo das súas pezas para revolucionar a educación, o portal galego Proxector volve á palestra cun novo especial centrado na sustentabilidade e na saúde (nosa e do planeta). Trátase do monográfico en liña Divulgación agropecuaria: na busca dunha despensa saudábel, no que se homenaxea a Juan Rof Codina, científico galego ano. O especial inclúe un vídeo TED de Svante Pääbo, premio Nobel de Medicina 2022.
Segundo explican o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, dependente do Consello da Cultura, entidades impulsoras do portal Proxector, o especial encádrase nas celebracións do Día da Ciencia en Galicia, unha efeméride na que a Real Academia Galega de Ciencias homenaxea a Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Barcelona, 1874 – Lugo, 1967) como Científico Galego do ano 2022, recoñecendo deste xeito a figura e o traballo de quen foi o impulsor da veterinaria en Galicia e en España, e o ideólogo da modernización do noso sector agropecuario.
“Esta homenaxe”, explican, “bríndanos a ocasión de poñer de relevo as virtudes e potencialidades do agro galego, mantedor indispensábel da biodiversidade do planeta e da nosa despensa saudábel”. Na selección ofrécese unha ducia de recursos que falan, desde diferentes ópticas, dalgúns dos principais temas que ocuparon ao noso Científico do Ano, como o benestar animal ou a mellora da produción agrícola. Tamén se inclúen traballos sobre grandes desafíos actuais da humanidade: o cambio climático e a saúde alimentaria.
As orixes de Proxector
A Universidade de Santiago puxo a andar en 2015 unha iniciativa para compilar recursos educativos en galego. Fíxoo a través do portal educativo Didactalia e só para o eido universitario. En 2018 o Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística, súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía a través de Proxector.

PUBLICIDADE