O remake de TMNT: Turtles in Time sairá no verán

mércores, 3 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Grazas á celebración do E3 sabemos que o xogo Teenage Mutant Ninja Turtles: Turtles in Time Re-shelled chegará ao Bazar de Xbox LIVE a finais de xullo, polo que parece probable que saia á venda en plena Comic-Con de San Diego (evento comiqueiro de referencia que ten lugar entre os días 23 e 26 de xullo).
O xogo é un remake dun clásico dos salóns recreativos que presenta uns gráficos renovados, para adaptarse á alta definición da consola de Microsoft, e conservará o modo multixogador de ata 4 usuarios simultáneos, que era un dos grandes atractivos deste beat’em up. Aínda que se rumoreou que o xogo puidera saír para PlayStation Network e WiiWare, polo momento non hai data de tal posible conversión.
Pero este título non será o único xogo en descarga que sairá no verán, senón que tamén agardamos que na mesma época apareza o agardado Marvel vs Capcom 2, Splosion Man, Trials HD e incluso a sorpresa de Epic Games no E3, o xogo Shadow Complex.

O xogo das Tartarugas Mutantes permitirá participar ata a 4 usuarios á vez

PUBLICIDADE