O sector TIC galego pon a súa ollada no Brasil

xoves, 25 de novembro do 2010 Raquel Noya

A Asociación Galega de Empresas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) atópase dende o pasado luns, 22 de novembro, en Brasil, onde está a ser recibida polas compañías tecnolóxicas máis relevantes do país co obxectivo de buscar sinerxías de traballo e poder compartir coñecemento no tocante ás TIC.
A visita, que dende a entidade cualifican como “misión tecnolóxica”, rematará o vindeiro sábado 27 de novembro, non sen antes visitar Sao Paulo e Florianópolis, os dous centros de desenvolvemento estratéxico das TIC no país suramericano, onde as nosas empresas terán oportunidade de comprobar de primeira man os mecanismos que están levando a Brasil a consolidarse como unha das grandes potencias económicas a nivel mundial. Alí, ademais de coñecer diversas empresas e institucións, a expedición galega terá a oportunidade única de celebrar reunións comerciais coas compañías sobranceiras do sector.
Este proxecto, que está cofinanciado polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), ten como principal obxectivo a transferencia de tecnoloxía e o intercambio de coñecemento entre as empresas que forman parte de EGANET e os centros máis punteiros de Brasil, onde asemade, se intentarán concretar negocios e abrir novas vías de colaboración.
O interese por ver e experimentar in situ os novos xeitos de traballar dos centros tecnolóxicos deste país débese, segundo informan dende a entidade, “ao intenso crecememento económico experimentado nestes últimos anos e á perspectiva de que o seu mercado sexa un referente a nivel mundial a curto prazo”.
Esta é a segunda ‘misión tecnolóxica’ que organiza EGANE. A primeira delas realizouse aos países nórdicos entre o 24 e o 30 de outubro e ao igual que a que nos ocupa, estivo cofinanciada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
No brasil, a delegación de Eganet xa leva visitados o Instituto de Pesquisas Tecnológicas (ITP) e o Centro de Tecnologia da Informação, Automação e Mobilidade (CIAM), adicado a sistemas corporativos, redes e seguridade dixital, sistemas de enxeñería, mobilidade e telemática aplicada aos transportes, etc. Coñeceron tamén Unicom, unha compañía que ofrece solucións tecnolóxicas para soportar altas demandas de eficacia na xestión.
Ao longo do día de hoxe, e seguindo o intenso plan de visitas programadas, serán recibidos no ITESCS e na Agência de Desenvolvimento Econômico do Grande ABC, organismo formado por institucións públicas e privadas que traballan para o desenvolvemento económico sustentable da Região do Grande ABC.
Mañán desplazaranse a Florianópolis para coñecer de primeira man a Fundação CERTI (Centro e Referência em Tecnologias Inovadoras) e a incubadora CELTA. O derradeiro día abriranlle as portas de Labelectron, un laboratorio-fábrica de desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos e de manufactura de produtos electrónicos, e o Sapiens Parque, onde se promove o desenvolvemento do turismo, a tecnoloxía e o medio. Por último, e co obxectivo de concretizar as posibilidades de negocio transatlántico entre Galicia e Brasil, o manterán un encontro coas empresas e centros de referencia do país.
Na imaxe, o presidente de Eganet, Víctor López –no centro da imaxe-, e outros membros socios, nunha reunión comercial con persoal das empresas estratéxicas de tecnoloxías de Sao Paulo.

PUBLICIDADE