O último teléfono reforzado de Kyocera poderá funcionar a xeito de cámara de acción

mércores, 10 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Kyocera vén de presentar nos EE.UU. unha interesante proposta na que aproveitan a súa experiencia na protección ante agresións externas de dispositivos móbiles para crear un smartphone con aspiracións a cámara de acción, o Kyocera DuraForce PRO, que segundo o seu fabricante é o primeiro smartphone reforzado con 4G e cámara de acción Full HD con supergrande angular (sendo esta cámara de acción independente das cámaras traseira e dianteira de 13 e 5 Mpíxeles propias dun smartphone).
O DuraForce PRO é un smartphone moi resistente, capaz de aguantar golpes, caídas, temperaturas extremas, po e auga (até 30 minutos a 2 metros de profundidade), polo que resultaría ideal para o seu uso por deportistas ou persoas que pasen boa parte da súa xornada traballando ao aire libre ou en condicións agresivas, sendo un grande plus o feito de que inclúa unha cámara especial capaz de funcionar baixo a auga, con modos deportivo e con numerosos efectos que van dende a cámara lenta até o time-lapse.
Este curioso smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon de 8 núcleos, 2 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno, pantalla Full HD de 5 polgadas resistente aos golpes (e que tamén pode empregarse con luvas ou cos dedos mollados), inclúe conectividade 4G, Wi-F AC, Bluetooth 4.2, NFC e USB 2.0, conta con lector de pegadas dixitais para unha maior seguridade e incluso presume de boa autonomía grazas á súa batería de 3.240 mAh compatible co sistema de carga rápida 2.0 de Qualcomm. Outro elemento que coida é o seu altofalante frontal dual de 100+dB, que presume de son mellorado, especialmente en contornos con moito ruído.
Este novo terminal sairá á venda no outono, descoñecéndose polo momento o prezo que terá, pero non debería ser moi económico xa que incluirá nun único dispositivo as prestacións dun teléfono reforzado e dunha cámara de acción.

Vídeo promocional do Kyocera DuraForce PRO

PUBLICIDADE