O vindeiro día 16 abren as reservas dos primeiros ordenadores certificados para Oculus Rift

mércores, 10 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Non hai dúbidas en que 2016 é o ano no que botará a andar o fenómeno da realidade virtual, pero a experiencia vai quedar limitada a só uns poucos, e no caso das lentes Oculus Rift, a barreira de entrada non está só nos 699 euros que custa o dispositivo (e que será bastante difícil de conseguir na primeira metade do ano pola limitación de unidades), senón que tamén precisará dun ordenador moi potente, e para facilitar a súa adquisición, ASUS, Alienware e Dell prepararon uns equipos certificador por Oculus que poderán mercarse a partires do día 16, e que terá un prezo reducido, de xeito que nos EE.UU. poderá mercarse un equipo informático xunto coas Rift por 1.499 dólares (queda por ver se en Europa poderemos gozar de descontos semellantes).
Estes equipos certificados distribuiranse inicialmente nuns poucos países, e en cantidades limitadas, pero serán o xeito máis asumible de subir ao carro da realidade virtual de alta calidade e realista. Asus ofrece os seus equipos de escritorio G11CD e ROG G20CB con certificación Oculus cun desconto de 100 dólares, de xeito que por 949 dólares teriamos o equipo máis económico no mercado capaz de facer funcionar as Rift (trátase dun ordenador cun procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM e gráfica nVIDIA GeForce GTX). Nunha liña semellante estaría unha edición especial do Dell XPS 8900 SE, que ofertaríase a 999 dólares. No caso dos equipos de Alienware as rebaixas serían de 200 dólares, xa que estamos ante ordenadores cuns prezos de saída máis elevados, pero que conseguen ter un modelo de entrada de 999 dólares, aínda que a configuración máis completa chegaría aos 2.349 dólares, deixando claro que os equipos para ofrecer unha magnífica experiencia de realidade virtual e aproveitar ao máximo os videoxogos de nova xeración non son precisamente económicos.

PUBLICIDADE