O vindeiro luns comezará a distribución ao público norteamericano do JooJoo

xoves, 25 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Cando o proxecto de crear un equipo tipo tablet a través da colaboración entre TechCrunch e Fusion Garage parecía que ía converterse en vaporware, dende esta última empresa anuncian que as primeiras unidades do equipo, antes coñecido coma CrunchPad e finalmente denominado JooJoo, comezaron a saír de fábrica, de xeito que os usuarios que encargaron equipos nos últimos días podería comezar a recibilos o vindeiro 29 de marzo.
O JooJoo é un equipo cunha pantalla táctil panorámica de 12,1 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, unhas dimensións de 199 x 324,5 x 3,8-18,9 milímetros, un peso de 1,1 Kg, Wi-Fi, Bluetooth 2.1, 4 Gb de almacenamento interno, 1 porto USB, altofalantes, micrófono, toma para auriculares estándar, acelerómetro, sensor de luz ambiental, cámara para videoconferencia e unha autonomía de ata 5 horas (usando Wi-Fi) que pode encargarse por 499 dólares, ou sexa, polo mesmo prezo que un iPad de 16 Gb, aínda que a favor do JooJoo podemos comentar que goza dun sistema operativo orientado á web, reprodución de vídeo ata a 1.080p e compatibilidade con Flash 10.1 e Java.

PUBLICIDADE