O vindeiro reloxo de Samsung podería ser o Galaxy Watch 3

luns, 8 de xuño do 2020 Marcus Fernández

A familia de reloxos conectados de Samsung podería renovarse dun xeito curioso, xa que tras un modelo de Galaxy Watch e 2 de Galaxy Watch Active, aseguran que en vez de ver a luz un Galaxy Watch 2, teríamos un Galaxy Watch 3, deixando así claro que estamos ante un trebello posterior ao Galaxy Watch Active2. Aseguran que podería ser o primeiro reloxo de Samsung que estará dispoñible en caixa de titanio (presumiblemente nunha versión premium).
As primeiras filtracións apuntan a que o Galaxy Watch 3 chegarían en versións de 41 e 45 milímetros (modelos SM-R840 e SM-R850), recuperaría o dial físico do que carecen os modelos Active, a súa pantalla contaría con protección Gorilla Glass DX, integraría GPS, 8 GB de almacenamento, unha batería de maior capacidade á dos seus predecesores, resistencia á auga e, aparte da monitorización do pulso, tamén podería monitorizar a presión arterial. É probable que conte con funcións avanzadas como monitorización do sono, detección do nivel de osíxeno en sangue ou mesmo a posibilidade de detectar ataques de ansiedade.
Confíase que estes novos reloxos teñan unha presentación oficial en agosto, nun evento no que tamén desvelarían os futuros Galaxy Note 20 e Galaxy Fold 2, de xeito que chegarían ao mercado no mes de setembro.

Os smartwatches de Samsung co apelido Active carecen do característico dial físico dos primeiros Galaxy Watch

PUBLICIDADE