O vindeiro venres verá a luz Marvel Rivals

luns, 2 de decembro do 2024 Marcus Fernández

En marzo anunciouse que NetEase Games estaba a traballar nun hero shooter chamado Marvel Rivals, que permitiría coller a personaxes da Casa das Ideas en enfrontamentos por equipos de 6 xogadores, buscando así replicar a fórmula de éxito de títulos como Overwatch, pero coa engadido de contar como base con todo un universo de ficción moi popular.
Marvel Rivals estará dispoñible a partir do vindeiro 6 de decembro como xogo free-to-play para PC (Steam e Epic), PlayStation 5 e Xbox Series X|S, contando de inicio con 33 heroes e viláns que elixir como Thor, Spider-Man ou Punisher.
Estes personaxes non só teñen características distintas, senón que tamén contarán con combinacións entre personaxes, como ataques conxuntos de Groot con Mapache Cohete ou o uso da enerxía gamma de Hulk para cargar a armadura de Iron Man para lanzar un ataque de maior potencia.
O campo de batalla será moi variado, con contornos como Asgard ou Tokio 2099, estando aberto todo o multiverso Marvel tanto en escenarios como en personaxe, de xeito que as distintas tempadas poderán achegar importantes novidades.
No caso da versión de PlayStation 5 cómpre destacar que o xogo tirará proveito das posibilidades do mando DualSense (facendo uso da tensión dos gatillos e da vibración dinámica), a nivel gráfico consegue un rendemento fluído de 60 imaxes por segundo a 1.440p (que no caso de PS5 Pro podería chegar até 4K) e incluso promete contidos adicionais para os subscritores de PlayStation Plus.

O grande catálogo de personaxes será un dos puntos fortes de Marvel Rivals

Tráiler de Marvel Rivals