O xogo de Mario e os Rabbids estreará secuela en outubro

mércores, 29 de xuño do 2022 Marcus Fernández

O grande éxito de Mario + Rabbids Kingdom Battle de 2017 foi toda unha sorpresa ao combinar con grande éxito os universos de Mario e dos Rabbids nun xogo de táctico, de aí que non debería sorprendernos que vaiamos ter unha secuela, Mario + Rabbids Sparks of Hope, que por fin ten unha data de lanzamento fixada: o 20 de outubro.

Neste novo xogo Mario, Luigi, a princesa Peach, Rabbid Peach, Rabbid Luigi e os seus amigos deberán emprender unha viaxe galáctica para derrotar a unha entidade malévola (Cursa) e salvar aos Sparks. Para iso haberá que formar equipos de 3 heroes a elixir entre 9 personaxes e enfrontarse a novos xefes e a outros inimigos que resultarán familiares aos que gozasen da anterior entrega.

Este novo xogo de Ubisoft para Nintendo Switch permitirá visitar numerosos mundos repletos de contido e desafíos, haberá novas mecánicas e moitas outras posibilidades que deixarán claro que falamos dunha secuela e non dunha simple expansión, ou sexa, que ofrecerá máis e mellor.

Vídeo promocional no que podemos ver o novo xogo en acción

PUBLICIDADE