OZO, a cámara coa que Nokia quere contribuír á realidade virtual

mércores, 29 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Nokia, a compañía finlandesa restante tras a compra da súa división de móbiles por parte de Microsoft, continúa na senda da innovación e apostando pola tecnoloxía, rumbo que a leva a querer explorar o emerxente mercado da realidade virtual, polo que presentan OZO, unha cámara deseñada por profesionais da creación de contidos e que estrearía o catálogo de solucións de medios dixitais de Nokia Technologies.
A cámara OZO concibiuse nos laboratorios de I+D de Tampere (Finlandia), aínda que a fase final do produto desenvolverase en colaboración con profesionais da industria audiovisual de cara finais do presente ano, cando espérase que estean listas as primeiras unidades dun produto que se fabricará en Finlandia.
Polo momento non se detallan as especificacións técnicas e o prezo deste interesante produto deseñado para rexistrar contidos envolventes, sabéndose polo momento que esta solución produce vídeo estereoscópico (3D) a través de 8 cámaras sincronizadas e 8 micrófonos, que incluso poden verse en tempo real mediante unha solución innovadora que elimina a necesidade de ensamblar as imaxes panorámicas para crear a vista envolvente.
Este tipo de cámaras buscan axudar á creación de experiencias audivisuais en inmersivas empregando hardware como os cascos de realidade virtual que prometen ter un grande pulo en 2016 co lanzamento comercial de Oculus Rift e do Project Morpheus, polo que facilitar canto antes a produción de contidos para estes dispositivos será unha oportunidade á que Nokia quere contribuír coa súa tecnoloxía.


Vídeo de adianto da cámara OZO de Nokia

PUBLICIDADE