Oculus renova a súa proposta de realidade virtual para o PC

mércores, 20 de marzo do 2019 Marcus Fernández

No marco da Game Developers Conference (GDC) desvelouse o casco de realidade virtual Oculus Rift S, que tirará proveito da plataforma das anteriores Rift, pero suporá importantes melloras no seu hardware, como o feito de integrar tecnoloxía se seguimento. Sairá á venda esta mesma primavera a un prezo de 399 dólares.
Oculus Rift S supón unha grande mellora en resolución gráfica, de xeito que a experiencia de uso é moito máis inmersiva e os xogos para esta plataforma veranse moito mellor; o casco redeseñouse pensando nunha mellor distribución do peso, un maior bloqueo da luz, un sistema de cableado simplificado e son integrado (posibilitando que o usuario conecte os seus auriculares favoritos a unha toma de minijack); a través de 5 sensores o casco é capaz de posicionar ao usuario na instancia física na que se mova, para que os seus movementos se transmitan ao mundo virtual sen precisar da instalación de sensores pola habitación; e todo insto compartindo a plataforma de Rift, de xeito que poderá empregarse con todo o software dispoñible até o momento para Oculus Rift, o que supón un inmenso catálogo.
Entrando en detalles, Oculus Rift S ofrece unha pantalla LCD cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles a 80 Hz cun campo de visión lixeiramente superior ao de Oculus Rift; ofrece 6 graos de liberdade para a cabeza e os mandos; e conéctase ao PC cun cable (DisplayPort 1.2 e USB) de 5 metros de longo. Tamén estrea a funcionalidade de Passthrough+, que permite ver o que captan as cámaras externas do casco en tempo real (ou sexa, que axuda a ver o que nos rodea sen ter que quitar o casco).
Temos así unha grande actualización das Oculus Rift, que agora ofrecen unha mellor experiencia a un prezo bastante normal dentro deste tipo de produtos, polo que pode converterse nunha compra bastante apetecible para quen empregue o modelo anterior do casco de realidade virtual e queira gozar de gráficos máis detallados, así como librarse dunha complexa instalación de cables.

Vídeo de presentación de Oculus Rift S

PUBLICIDADE