Olympus anuncia unha videocámara compacta que coida o seu apartado sonoro

mércores, 4 de maio do 2011 Marcus Fernández

Aínda que as cámaras de vídeo compactas vense moi ameazadas polos móbiles, iso non impide que poidan marcar a diferenza con prestacións interesantes como fai a Olympus LS-20M, que combina a gravación de vídeo Full HD coa posibilidade de rexistrar audio PCM estéreo a través de 2 micrófonos de grande calidade (que contan coa posibilidade de gravar nun nivel de son automático para que ante multitudes e concertos poida recollerse axeitadamente o audio).
Esta cámara é así ideal para gravar actuacións musicais en directo, eventos deportivos, xuntanzas… podendo verse as imaxes capturadas nunha pantalla LCD de 2 polgadas (completada por unha pantalla de datos de 1,46 polgadas na que figura a hora, os niveis de audio e o estado da batería).
A Olympus LS-20M ten un sensor CMOS de 5,32 Mpíxeles, enfoque automático, zoom dixital de 4x, gravan en tarxetas de memoria SD/SDHC, conectividade USB 2.0, tomas para auriculares e micrófono, unhas medidas de 134,7 x 62,8 x 18,2 milímetros, 154 gramos (sen baterías) e un prezo de 299,99 dólares cando chegue ao mercado norteamericano en xuño.

PUBLICIDADE